martes, 29 de noviembre de 2016

Complemento ecónomico nos Xulgados de Violencia sobre a Muller.

O pasado venres, celebrouse, o día internacional contra a violencia doméstica e de xénero. O Sindicato de Traballadores da Administración de Xustiza -STAJ- súmase á declaración institucional do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, e ao mesmo tempo lembra e insiste na postura e reivindicación, en relación co complemento económico para os compañeiros que prestan os seus servizos nos Xulgados de violencia sobre a muller, postura que foi ratificada no pasado Congreso Nacional do Sindicato de Traballadores da Administración de Xustiza -STAJ-, celebrado o pasado mes de outubro.

O complemento dos Xulgados de Violencia sobre a muller, xustifícase desde o recoñecemento a unha retribución polo especial rendemento, a actividade extraordinaria e o interese ou iniciativa dos funcionarios destinados nos Xulgados de Violencia sobre a muller. Non se pode esquecer que en numerosas ocasións, e cada vez con maior frecuencia, determinados asuntos son incoados dentro do horario de audiencia pública dos Xulgados de Violencia sobre a Muller, e por tanto non corresponde despachar ao Xulgado de Garda, pero o súa sustanciación e, no seu caso, resolución esténdese de modo notable e reiterado máis aló da xornada ordinaria de traballo. Este problema maniféstase con maior intensidade na toma de declaracións, celebración de xuízos inmediatos, tramitación das ordes de protección, actuacións todas elas que a lei esixe sexan practicadas o máis axiña posible. É por iso que se precisa que esas actuacións, máis aló da xornada ordinaria de traballo, sexan compensadas cun complemento específico propio dos devanditos Xulgados.

Nada hai regulado respecto do persoal que presta  os seus servizos en Xulgados de Violencia sobre a muller en localidades nas que non hai servizo de garda especifico de violencia sobre a muller(capitais de provincia onde non se chega aos catro Xulgados de Violencia sobre a Muller) ou nas localidades nas que a competencia é asumida polos Xulgados de Primeira Instancia e Instrución, ou os Xulgados de Instrución (localidades nas que existe separación de Xurisdición). Nestas localidades a competencia é a mesma que naquelas onde si que existe o servizo de garda específico de violencia sobre a muller, e esa competencia materialízase en actuacións que se estenden de modo notable e reiterado máis aló da xornada ordinaria de traballo, existindo unha discriminación e agravio evidente, que debe ser compensado.

Con todo, o Sindicato de Traballadores da Administración de Xustiza-STAJ-, advirte que non é suficiente a reimplantación do complemento nos Xulgados de Violencia sobre a Muller, senón que tamén se fai necesario aumentar proporcionalmente os medios persoais, en atención á carga de traballo soportada polos diferentes órganos xudiciais con competencias en materia de violencia sobre a muller.

Esta cuestión do complemento nos Xulgados con competencias en materia de violencia sobre a muller, é obrigada que sexa tratada na Mesa Sectorial de Xustiza, para que a Direccion Xeral e Xustiza adquira o compromiso de establecer un complemento específico para todos os funcionarios que presten servizo nos distintos xulgados de Violencia sobre a muller de Galicia, complemento que debe ser en cuantia suficiente para compensar o maior esforzo e traballo de todo o persoal destes xulgados.